Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Noia traballa con Portos de Galicia na habilitación de máis de 120 novas prazas de aparcamento na zona de Labarta


 

Prevé unha ampliación e mellora da superficie do “ecoparking”, onde está prevista un área para aparcamento de autocaravanas

O Concello de Noia traballa con Portos de Galicia na habilitación dun novo aparcamento público na zona de Labarta, que se uniría á ampliación prevista no actual “ecoparking”. O alcalde de Noia, Santiago Freire, sinala que “o obxectivo é poder habilitar máis de 120 novas prazas de estacionamento na zona”, entre o novo aparcamento, as melloras no “ecoparking” e pequenas actuacións nas rúas da contorna.

Freire Abeijón explica que “Portos de Galicia está elaborando o proxecto para habilitar este novo aparcamento en Labarta, que conectaría co do Mercadona”. Unha iniciativa que se uniría á ampliación e mellora da superficie do “ecoparking”, “onde queremos emprazar unha zona para o aparcamento de autocaravanas, algo no que xa levamos tempo traballando”.

Na actualidade, en Noia só hai unha área de servizo de 20 prazas para autocaravanas situada no parking do hipermercado Eroski, no que os visitantes poden pernoctar libremente e que dispón de puntos onde captar auga limpa e outros dous nos que depositar as fecais e as augas grises. “Porén, está a 1,5 quilómetros do centro urbano, mentres que na que traballamos estará no centro da vila”, apunta o alcalde noiés.